DÍA 24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS
Pequeno Manifesto dende a Asociación.
23 de outubro de 2015
BREVE MANIFESTO CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN O 24 DE OUTUBRO
DO DÍA DA BIBLIOTECA


O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Un día escollido a razón do recordo da destrución e incendio da Biblioteca de Sarajevo, no ano 1992 con motivo do conflito nos Balcáns.

Como todos os días nos que se adica a algunha actividade, o Día da Biblioteca ven a recordar a importancia do libro e a lectura, da información e coñecemento, tanto educativo como de ocio e entretemento no crecemento persoal, así como para dar visibilidade ás bibliotecas públicas e a labor dos bibliotecarios.

Neste senso, e bo celebrar con actividades e actos este día. Actividades que se espallan por todas as bibliotecas galegas aínda que non coincidan co mesmo día por problemas de axenda loxicamente e de acumulación de actos. Pero que tamén se distribuen todos os días do ano.

Dito isto, e tamén un día para reivindicar. Reivindicar a precariedade na que se encontran moitas das nosas bibliotecas municipais. Da falta de orzamentos específicos para o servizo de biblioteca pública nos concellos, da falta de mobiliario e espazos adecuados e renovados, da falta de actualización das instalacións informáticas, da falta de persoal suficiente e cualificado respetando os estándares marcados por número de habitantes aos que da servizo… As bibliotecas públicas municipais depende dos concellos, cuestión farto dificultosa ao toparnos coa autonomía local e todo o que isto leva consigo; sensibilidades dispares sen distinción política, que levan as veces a situacións que raian o surrealismo.


Esta é a realidade coa que os nosos bibliotecarios están a loitar día a día. Facendo non por iso, unha labor que excede con moito e en moitos casos a vocación desta profesión. A cantidade de actividades que se están a facer así o demostran, programacións culturais, o traballo cos colexios, o tratamento da información solicitada…

Os bibliotecarios municipais, están a dar á sociedade un servizo importantísimo na democratización da cultura. A crise veu aparellada a un incremento de usuarios, aumentos dos préstamos como reflicten as enquisas, pero non veu aparellada cunha mellora nas condicións laborais dos bibliotecarios que dan os servizos.

É hora de dignificar a nosa profesión, ningún servizo municipal atende día a día o número de usuarios que ten a biblioteca municipal, sen embargo esta actividade non se corresponde co trato que a maioría dos concellos dan a este servizo.

Por iso celebremos o Día da Biblioteca este 24 de outubro, pero tamén reivindiquemos, por parte tamén da cidadanía, bibliotecas con orzamentos dignos e persoal profesional para adecuarnos aos cambios no concepto da propia biblioteca pública. Traballamos cara unha biblioteca de integración cidadá, de hibridación na convivencia de formatos, de novas tecnoloxías no acceso e difusión da información, un futuro das biblioteca públicas municipais, apaixonante e cheo de posibilidades para todos os cidadáns.

Foz, 23 de outubro de 2015
Documentos relacionados
Manifesto[ 126 KB ]
Manifesto
Deputación de Lugo - Vicepresidencia Primeira - Cultura
Biblioteca Pública Municipal "Salgado Toimil"
Rúa de Lugo, 1 - 2º Andar. 27780 Foz (Lugo)
Tf. / Fax: 982 140 675
Email:bmunicipais@bibliotecasmunicipais.org