NOSA NORABOA. ACTO HOMENAXE Á BIBLIOTECA DE VERÍN CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA
a Consellería de Cultura e Turismo fixo un sinxelo pero emotivo acto de homenaxe en recoñecemento á traxectoria desenvolvida pola Biblioteca de Verín nos últimos anos, pola que acadaron relevantes premios.
25 de outubro de 2011
O acto comezou ás 12:30 h. da mañán, na Biblioteca de Galicia, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, coa presenza de trece voluntarios e bibliotecarios da Biblioteca Municipal de Verín. Ao dito acto asistiron o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez; a xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e o subdirector xeral de Bibliotecas, director da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján Núñez. Todos os voluntarios e bibliotecarios de Verín foron agasallados cun lote de libros.

Este acto tivo lugar nun día sinalado, xa que dende hai quince anos, o 24 de outubro celébrase en toda España o Día das Bibliotecas. Coa celebración deste día preténdese difundir a existencia dun servizo público moi próximo aos cidadáns que contribúe de xeito eficaz a facilitar o acceso ao coñecemento a todos eles.

Esta data convértese cada ano nunha homenaxe de recoñecemento do esforzo, dedicación e motivación á lectura, do magnífico e calado labor que realizan todos os bibliotecarios, que han de ser considerados un "ben social".

Hoxe honramos á Biblioteca de Verín e aos seus voluntarios e voluntarias pola súa traxectoria no fomento e animación á lectura, así como os seus esforzos en favor da integración social como ben reflicten os numerosos premios e recoñecementos que conseguiu, e que lembramos:

Premios nos XI, XII e XIII Concurso María Moliner de Animación a la Lectura do Ministerio de Cultura celebrados nos anos 2008, 2009 e 2010, pola cantidade e calidade de actividades levadas a cabo, participando na modalidade de proxectos de integración social de diferentes grupos étnicos e actividades que incentiven a lectura.

Premio como Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España, polo seu traballo no ámbito do fomento á lectura e o conxunto de actividades realizadas pola mesma, entre as que se inclúen voluntariado cultural, aprendizaxe en idades temperás ou alfabetización dixital.

A Biblioteca de Verín destaca así como modelo de servizo bibliotecario no medio rural que amplía e enriquece a visión clásica do servizo público de lectura acadando a consideración de centro de irradiación cultural no territorio próximo e demostrando pola ampla oferta de actividades o valor da lectura como canal privilexiado para o acceso á cultura e o coñecemento.

Ademais, o pasado mes de xuño a Unesco nomeou á Biblioteca Pública de Verín como “Biblioteca Asociada”, membro da Rede de Bibliotecas Unesco, polo que se certifica que a biblioteca cumpre todos os principios de fomento da lectura, desenrolo da cultura, solidariedade - voluntariado, e cooperación con distintas entidades (colexios, asociacións, entre outras), tal e como indican as bases da Unesco, para poder adherirse a esta Rede de Bibliotecas.

Este recoñecemento valora o intenso traballo levado a cabo para o fomento da lectura e o realizado cos nenos e nenas voluntarios que prestan unha labor destacable para a dinamización cultural de outros rapaces máis pequenos, o que é motivo de orgullo para todos os galegos.



Deputación de Lugo - Vicepresidencia Primeira - Cultura
Biblioteca Pública Municipal "Salgado Toimil"
Rúa de Lugo, 1 - 2º Andar. 27780 Foz (Lugo)
Tf. / Fax: 982 140 675
Email:bmunicipais@bibliotecasmunicipais.org