PRESENTOUSE OFICIALMENTE NA DEPUTACIÓN DE LUGO A ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE BIBLIOTECARIOS MUNICIPAIS DE GALICIA
Antonio Veiga ratificou o apoio da Área de Cultura da Deputación “polo importantísimo papel como vertebradores da cultura que as bibliotecas teñen nos concellos de todo país”
18 de novembro de 2011
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, xunto a Mª Jesús Álvarez Sánchez e José Luís Alonso Torreiro, presidenta e vicepresidente da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, presentaron pública e oficialmente esta asociación, conformada no verán do ano pasado, e tamén a súa páxina web, que serve de base para o desenvolvemento do traballo que realizan e foi realizada co apoio económico da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Segundo explicou Antonio Veiga, logo da súa constitución, “decidimos apoiar xa nun primeiro momento Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, porque consideramos que as bibliotecas e o persoal que as rexe teñen “un importantísimo papel como vertebradores da cultura nos concellos de todo país”. Neste sentido, Veiga salientou que “o traballo que desenvolve o persoal das bibliotecas de Galicia, ademais de ser eloxiable, é un traballo que hai que agradecer, xa que moitos comezaron e aínda están en condicións dificilísimas, polo que se superan as dificultades que padecen os concellos cun voluntarismo por parte dos bibliotecarios e bibliotecarias”.

Segundo explicou María Jesús Álvarez, a “Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia”, nace logo de varias xuntanzas ao longo destes últimos catro anos, motivada pola necesidade de dar respostas ás constantes e coincidentes reivindicacións dos e das profesionais bibliotecarios que para ofrecer un bo servizo aos cidadáns, encontrámonos con múltiples dificultades. Logo da súa constitución o 19 de xuño de 2010 en Santiago de Compostela e rexistrada xa oficialmente como asociación profesional, conta co respaldo dun amplo número de bibliotecarios e bibliotecarias municipais de toda Galicia, o que constitúe o principal motor da asociación.

Segundo denunciou María Jesús Álvarez, “o contexto no que se encontran as BPM dependentes da Administración Local produce un gran abano de situacións laborais precarias, agravios comparativos, illamento profesional e outro tipo de casos impropios dun sistema bibliotecario de calidade do século XXI”. Ademais, indicou que o seu traballo arestora “céntrase en negociar coa Xunta de Galicia a nova Lei de Bibliotecas para tratar de corrixir unha tendencia na distribución das subvencións autonómicas que fai que as bibliotecas municipais, que son as maioría en Galiza e as que máis próximas á xente están, sexan tamén as que peor trato reciban da administración autonómica”.

Tamén o vicepresidente da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia reivindicou o papel dos bibliotecarios e bibliotecarias como profesionais da xestión documental “porque un bibliotecario non só é unha persoa que abre e pecha a biblioteca e coloca os libros, ten tamén tarefas de xestión, dinamización da lectura, pode ser un persoal moi activo e moi válido para a sociedade”.
Documentos relacionados
Foto Presentación[ 692 KB ]
Foto Presentación
Coa Presidenta e Vicepresidente
Deputación de Lugo - Vicepresidencia Primeira - Cultura
Biblioteca Pública Municipal "Salgado Toimil"
Rúa de Lugo, 1 - 2º Andar. 27780 Foz (Lugo)
Tf. / Fax: 982 140 675
Email:bmunicipais@bibliotecasmunicipais.org