A ASOCIACIÓN EN LA VOZ DE GALICIA: SECCIÓN CULTURA
Real Decreto 624/2014 de 18 de xullo. BOE do 1 de agosto.
22 de agosto de 2014
Achegamos a noticia completa en pdf, e un extracto da mesma:

María Jesús Álvarez Sánchez: «Se os concellos se fixeran cargo sería como un imposto máis»

«Non cremos na mercantilización da cultura e menos da lectura pública». María Jesús Álvarez, presidenta da asociación galega que agrupa aos bibliotecarios municipais, ve no real decreto un ataque a un servizo público: «Nós, cando compramos os libros, xa pagamos unha cantidade na que se supón que xa van implícitos os pagos polos dereitos de autor».

-Logo, ¿falamos dun repago?

-É claramente un repago.

-¿Explicoulles a Xunta por qué non os citou ao consello de bibliotecas para abordar este tema?

-Non. Estamos pendentes de que se poñan en contacto con nós para chegar polo menos a un acordo na aplicación deste real decreto no referente ao canon por usuario.

-¿Por que instan á Xunta a asumir o pago?

-Sabemos da precariedade dos orzamentos, sobre todo en bibliotecas, e coñecemos as dificultades económicas polas que están pasando os concellos. Hai bibliotecas que teñen uns orzamentos tan, tan, tan reducidos que isto lles impediría actualizar as coleccións e organizar actividades. O País Vasco, por exemplo, xa confirmou que asumirá o gasto.

-Se as bibliotecas non poden adquirir libros novos, o usuario non terá acceso a eles...

-É o gran prexudicado. Con esta medida, a maior préstamo, maior contía hai que pagar. Se a Administración local, os concellos, se fan cargo sería como un imposto a maiores que nos aplicarían aos cidadáns.

-Falan de privatización...

-Creo que é a liña que pretenden seguir. Porque non vai ser a Administración a que se faga cargo da recadación, senón as propias xestoras dos dereitos de autor. Canto mellor traballes e maior número de préstamos teñas, maior pago. Isto vai en contra dos principios das bibliotecas públicas.

-¿Teñen previsto iniciar algunha medida de protesta?

-Hai que lembrar que xa no 2006 o Concello de Foz foi un dos pioneiros en facer unha moción en contra do canon. Porque esta medida xa vén de entón, o que pasa é que se foron aprobando regulamentos e se foi adiando. Nos últimos días, na asociación estamos recibindo consultas de moitos concellos interesados en presentar mocións en contra deste canon. Estoulles dicindo que imos agardar a setembro a ver qué di a Administración. Por agora estamos recibindo apoios da Federación de Libreiros, da Asociación de Escritores en Lingua Galega...
Documentos relacionados
La Voz de Galicia[ 5.3 MB ]
La Voz de Galicia
Deputación de Lugo - Vicepresidencia Primeira - Cultura
Biblioteca Pública Municipal "Salgado Toimil"
Rúa de Lugo, 1 - 2º Andar. 27780 Foz (Lugo)
Tf. / Fax: 982 140 675
Email:bmunicipais@bibliotecasmunicipais.org