COMUNICADO DA ASOCIACIÓN ACERCA DA ORDE DE 23 DE SETEMBRO PARA A MELLORA DAS COLECCIÓNS BIBLIOGRÁFICAS
10 de outubro de 2014
O pasado día 3 de outubro e despois dun largo ano de espera, saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia, as axudas para a mellora das coleccións bibliográficas nas bibliotecas públicas municipais. E como estamos acostumados ultimamente, con sorpresas que non están a fortalecer nin a mellorar os servizos bibliotecarios que temos a obriga de ofertar. A primeira é a rebaixa porcentual da imputación orzamentaria que con carácter anual é de 160.000 euros (80.000 ano 2014). Estamos a ver como ano a ano, os orzamentos investidores nas bibliotecas públicas está a retroceder enormemente e a situación de afogo estase a notar. Un 66% menos que o ano pasado. A segunda é que unha meirante parte da poboación (42%) queda sen axudas ao suprimir aos concellos de máis de 30.000 habitantes desta Orde. Non se entende moi ben si, segundo o preámbulo da orde, o que se quere é axudar a aqueles concellos de menor poboación cando á hora de repartir, a menor poboación, menor investimento tope. A terceira a dureza das condicións de acceso a estas axudas, como ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura. Primeiro temos que posuír equipos adecuados e persoal suficiente para podelo levar a cabo, e mais cando estamos pendentes do enésimo cambio de programa cara a nova aplicación Koha. Así mesmo, ao vir en forma de Orde complica a axilidade para as solicitudes, tendo en conta o sobre traballo que o persoal bibliotecario temos xa por defecto. A burocracia aumenta cando deberíamos axilizar máis os trámites. A cuarta: una terceira parte do fondo bibliográfico adquirido terá que ser en galego. Todas as axudas que á promoción do libro galego están ben e de feito así o estamos a facer todas as bibliotecas públicas municipais de Galicia (actividades, charlas, visitas de escritores…), pero os bibliotecarios teñen que facer as súas adquisicións baixo criterios de servizo, calidade e de necesidade dos seus usuarios e non segundo indiquen fontes externas á mesma. Que estamos a facer coa lectura pública en Galicia?. . Agora que se achega o 24 do outubro, “Día das Bibliotecas”, temos que reflexionar a onde imos con este tipo de medidas como o canon ao préstamo bibliotecario, este recorte de fondos en adquisicións, a falta de persoal pola vixente lei de orzamentos, .. nun servizo público que ben avalado polas cifras e datos tanto de préstamo como de uso; que todos os poderes públicos o ben como fonte de coñecemento e vital para o desenvolvemento persoal. Seremos capaces de adaptarnos e reinventarnos, una vez máis, pero case co único e maior valor que ten a rede de bibliotecas que son os seus traballadores, que seguiremos loitando e mellorando as nosas bibliotecas co mínimo que as administracións nos están a dar. A Asociación, coma sempre, ofrecese a colaborar, xa que cremos que é fundamental o consenso e o diálogo á hora de avanzar nas políticas bibliotecarias. Foz, 8 de outubro de 2014 Mª Jesús Alvarez Sánchez Presidenta da Asociación.
Deputación de Lugo - Vicepresidencia Primeira - Cultura
Biblioteca Pública Municipal "Salgado Toimil"
Rúa de Lugo, 1 - 2º Andar. 27780 Foz (Lugo)
Tf. / Fax: 982 140 675
Email:bmunicipais@bibliotecasmunicipais.org