XA ESTAN AQUIIIII....... AS ENTIDADES DE XESTIÓN. A VOLTAS CO REAL DECRETO DE DEREITO DE REMUNERACIÓN AOS AUTORES POLOS PRÉSTAMOS DAS SÚAS OBRAS EN DETERMINADOS ESTABLECEMENTOS ACCEIBLES AO PÚBLICO
Xa están a chegar aos Concellos as cartas de CEDRO e compañía.
2 de xaneiro de 2015
XA ESTÁN AQUIIII!!!.... AS ENTIDADES DE XESTIÓN


Dende o mes de agosto que saíu publicado o RD624/2014 de 18 de xullo polo que se desenvolve o dereito de remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados en determinados establecementos accesibles ao público, a ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE BIBLIOTECARIOS MUNICIPAIS DE GALICIA, estivo sempre en contra de tal aplicación.

Este despropósito, se nos achega agora aos concellos coas cartas que CEDRO, DAMA, SGAE e VEGAP, están enviando no que se “insta” ao abono das cantidades correspondentes ao ano 2014 pero tamén retrospectivamente ás correspondentes aos anos 2009,2010,2011,2012 e 2013, polo canon imposto de adquisicións.

Ante esta incursión e menosprezo do servizo público que é unha biblioteca pública onde se está a obrigar aos concellos a pagar por prestar un servizo que a lei de administración local obriga a dar, non temos máis que esixir o seguinte e aclarar algúns puntos:

A derrogación ou polo menos a modificación do decreto, declarando as Bibliotecas Públicas exentas de tal pago, xa que a directiva europea á que tanto se aferran, permite aos estados membros eximir o pago do canon a entidades de utilidade pública.

Que a administración non se “pregue” aos intereses destas entidades privadas criminalizando ás bibliotecas públicas como si prexudicaramos aos autores. Hai máis maneiras de remunerar aos autores sen prexuízo das bibliotecas. As presentacións, os encontros con creadores, as guías de lectura, as reseñas, ...son promoción e difusión dos autores e as súas creacións.

Que non se pode pagar un canon a unha entidade que non sabemos a quen representa, nin o que paga aos autores, con funcionamento e criterios mercantís, nin cales son os criterios para o reparto dos dereitos de autor. Así mesmo, na situación informática actual de moitas bibliotecas municipais, sería necesaria unha seria actualización dos sistemas para poder coñecer certos parámetros necesarios para a realización dos cálculos pertinentes. Hai que lembrar a existencia de bibliotecas aínda non informatizadas ou con equipos obsoletos.

Que pasa cos best-sellers tamén nos cobran por autores estranxeiros, están afiliados a estas entidades todos os autores, e cos autores falecidos, que pasa coas donacións…? Sen un procedemento claro como pretenden facer caixa coa “cohabitación pacífica” da administración?.

Que xa que a demagoxia clásica dos políticos deste país, insisten en que as cantidades son mínimas (ata o de agora) que sexa a propia administración a través dunha licencia nacional con fondos estatais, como ben sinala J. A. Merlo Vega profesor de Biblioteconomía e Documentación da Universidade de Salamanca, a que se faga cargo desta remuneración.

Baixo a fórmula capciosa de que os autores teñen dereito a remuneración pola súa propiedade intelectual (quen di que non), se está a infrinxir un dano grande xa non so económico senón de principios ás bibliotecas públicas, á raíz dos seus fundamentos sociais, educativos e culturais. Estamos fartos de que, no que respecta ás bibliotecas, todo sexa restar e nunca sumar (reducións presupostarias, persoal mínimo,..), de que a administración competente non defenda os intereses para o que foi creada senón que defenda a entidades privadas con ánimo de lucro cun funcionamento non sempre transparente.

A falta de consenso non beneficia a ninguén e ante esta situación solicitamos unha moratoria de aplicación ata que quede claro o funcionamento deste inxusto real decreto.

Deputación de Lugo - Vicepresidencia Primeira - Cultura
Biblioteca Pública Municipal "Salgado Toimil"
Rúa de Lugo, 1 - 2º Andar. 27780 Foz (Lugo)
Tf. / Fax: 982 140 675
Email:bmunicipais@bibliotecasmunicipais.org